O proxecto de "Neda n'cine" xurdiu como unha idea para que a vila de Neda se converta nun lugar máis adecuado para todo tipo de persoas: tanto para que a xente maior demostre a súa valía no mundo audiovisual e poida reflectir as súas historias nalgún lugar para que non se perdan, así como para xente nova que desexa soltar o seu lado crítico e destructor nalgún lugar.
Estes non son máis ca exemplos, pois en "Neda n'cine" buscamos que todo aquel que desexe plasmar o que pensa ou o que sinte nalgún lugar, teña este espazo para poder comunicalo ás demais persoas coas que comparte concello.
Así, este espazo será válido para pintores e pintoras que queiran dar a coñecer a súa obra, para músicos e músicas que desexen chegar á xente da súa propia vila, para artistas de toda índole que non saben por onde comezar a difundir as súas pezas (xa sexan audiovisuais, pictóricas, sonoras...).
Tamén está dirixido para calquera que busque un lugar onde informarse dos sitios e das historias do seu propio concello, que desexe plasmar os seus lugares favoritos ou as súas historias secretas nalgún lugar. Para toda persoa que teña unha proposta para mellorar algún aspecto da sociedade, para calquera que queira queixarse do que sexa. E todo isto non son máis que pinceladas do proxecto no que está a converterse "Neda n'cine".
Ademais de ser un espazo de difusión e de recopilación de información, este proxecto pretende crear un vínculo entre todos os habitantes de Neda que desexen participar, darlles a importancia que teñen e facerlles ver que todos e cada un deles pode aportar algo marabilloso a un concello no que aínda queda moito por facer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario