Neda


Ó fondo da ría de Ferrol, limitando con Narón, Fene, A Capela e San Sadurniño, atópase Neda, un concello cunha paisaxe especial e cunha morea de historias.
Pertencente á provincia d'A Coruña e cunha extensión total de 23,68km², Neda está composta por catro parroquias: San Pedro de Anca, San Nicolás, Santa María de Neda e Viladonelle. Cada unha delas ten unha serie de características especiais e cada unha ten as súas propias historias, costumes e a súa propia xente.

Tres ríos son os que atravesan estas parroquias: o río Belelle, o río Grande de Xuvia e o seu afluente: o río Castro. Estes ríos son os escenarios de moitas historias, mitos e lendas, pero a súa maxia vai máis alá pois das súas augas medraron as múltiples receitas do famoso pan de Neda. 

E falando de augas, nos asteleiros que había no concello construíuse o enorme barco que rompeu as cadeas que impedían o paso do resto da flota ao porto de Alxeciras durante a reconquista, alá por 1344. A reconquista de Alxeciras tivo un importante papel na historia dos nedenses, polo que recolleuse este anaco de historia no escudo de Neda, que conmemora aquel momento que moita xente xa non recorda. Dende 1983, os dous territorios están hermanados e en Alxeciras, unha plaza co nome de Neda atópase chea de restaurantes. 
E restaurantes é xusto algo que en Neda non falta. Dende Os Estrobos, un estupendo lugar para buscar curiosidades entre a súa decoración mentres se catan unhas riquísimas patacas bravas; ata O Lagar, onde disfrutar de abundantes racións; e ata Casa Carballo, nos límites do concello, onde probar a súa marabillosa comida caseira xusto antes de dar un precioso paseo polos espazos naturais que se atopan cerca. 
A Fervenza do río Belelle, o miradoiro do Monte de Ancos ou o paseo do río Xuvia son algúns dos máis coñecidos espazos naturais do concello, pero Neda está repleto de moitos máis lugares fermosos que percorrer. A subida á Louseira, cunhas vistas impresionantes dende onde se pode ver, nos días despexados, a torre de Hércules alumear; o paseo do río Belelle, cunha morea de lugares nos que disfrutar da auga no verán e do Pazo de Isabel II, ás veces visitable; a área recreativa da Cobeluda, cun pequeno encoro adecuado para o baño, e unha lista inacabable de lugares que ver. Ademais, o municipio conta cunha morea de cruceiros antigos, dos que as localizacións foron recollidas na revista de Neda. 

É relevante destacar que o Camiño Inglés atravesa Neda dun extremo ao outro bordeando a ría e pasando por lugares realmente fermosos, como a zona costeira de San Nicolás, onde se atopa unha das igrexas do concello. Ademais, os peregrinos que o desexen poderán pasar a noite no albergue que se atopa nas beiras da ría, no Pazo da Merced cunhas preciosas vistas, ou na pensión Maragoto, preto da desembocadura do río Grande de Xuvia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario