A historia comeza cun ambiente tranquilo, nunha mañá tranquila na que todos en Neda actuaban con tranquilidade, hai xa moito moito tempo. Pero algo quebrou a paz naquel lugar. Escapando das persecucións anglicanas, o capitán inglés John Dutton chegou á vila. Non sabía onde se atopaba, non sabía nin sequera como chegara alí. O seu barco navegara e navegara durante días ata que finalmente albiscou a terra firme, e alí, en Neda, foi onde desembarcou.
![]() |
Cristo da Cadea |
Cando ao fin atopou a Igrexa, falou con dificultade co cura e chegaron ao acordo de que este gardaría as pezas relixiosas ata que o home marchara. A pesares disto, ante a posible chegada dos anglicanos a Neda, decidiron que unha -o Cristo- quedaríase na Igrexa de Santa María, mentres que a Virxe gardaríase no mosteiro do Couto. A avoa da avoa da avoa da miña avoa afirmaba que ninguén soubo que pasara cas figuras ata moito tempo despois daquelo.
Pasaban os días e a xente non facía máis que falar sobre aquela personaxe tan curiosa que agora paseaba pensativo pola Rúa Real, dun extremo ao outro, sen parar. Aquela figura misteriosa que era o capitán. Entre a xente do momento falábase que era un preso, que roubara aquelas pezas e que tiña que marchar da vila. Non deixaban de preguntarlle ao cura, que prometera non soltar palabra sobre o Cristo e sobre a Virxe. Os nenos e as nenas, sen atreverse a dirixirlle a palabra, corrían detrás do capitán para intentar comprender quen era aquela triste figura. "É un home un tanto especial", dicían sempre tódalas nais, ocultando que se sentían algo atraídas por aquela sombra tan misteriosa.
Pero un bo día, xa pasadas unhas semanas, o capitán desapareceu e nunca xamais volveuse a saber del na vila de Neda. As xentes da época quedaron un tanto decepcionadas por non saber de quen se trataba, pero pronto pasou o misterio e a vila volveu a ser tan tranquila coma antes. Uns meses despois da marcha do capitán Dutton, o cura, preguntándose por que marchara sen recoller as súas pezas, sacou á luz o Cristo e colocouno sobre o altar. Aquelo fixo revivir o misterio por uns cantos días, pero pronto volveuse á normalidade. A avoa da avoa da avoa da miña avoa perdera a pista da Virxe Inglesa e pronto esqueceuse dela. Pero a normalidade de Neda volveu a esnaquizarse unha mañá: o Cristo desaparecera do altar. O cura, tremendamente enfadado, chamou a todo o pobo pensando que alguén o roubara, pero xa ninguén lembraba a historia daquela figura que meses atrás traera un capitán inglés. Todos os nedenses buscaron a peza, buscaron e buscaron, e cando xa pensaban que non a atoparían xamais, unha nena, xogando ca area da praia, atopouno. Estaba mollado e sucio, e levouno á súa casa. Limpouno con coidado e durante uns días xogou con el coma se fose a súa boneca preferida, pero pronto cansouse. Foi entón cando o Cristo foi devolto á Igrexa de Santa María. Aquel suceso repetíase constantemente: tódolos días o Cristo aparecía na praia, coma se o levase o mar ata alí. Ninguén entendía como, e pouco a pouco comezaron a pensar que a peza estaba maldita. O cura, sempre negando aquelas faladurías, encadeou o Cristo ó altar para que non se movese e, dende aquel momento, o Cristo xamais volveu a aparecer na praia.
![]() |
Praia de Neda |
Contaban os maiores de Neda que aquel Cristo quería volver á súa terra co seu capitán, quen cruzara o mar para regresar a Inglaterra. Por iso, tódalas noites escapaba e sen que ninguén o vise, botábase ao mar e acababa na area polas correntes. Moito tempo máis tarde, descubiuse que John Dutton -agora Juan Dutton o Vello- exiliárase en Viveiro. O seu fillo construíu un pazo -o pazo de Grallal- e nunca xamais, nin pai nin fillo, se preocuparon por ningunha das dúas pezas. Hoxe en día, o Cristo da Cadea segue ca idea de volver a Inglaterra, e din que se te achegas con coidado ó altar da Igrexa de Santa María de Neda, podes aínda escoitar a voz daquel mariñeiro inglés que andaba a percorrer as rúas da vila pensando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario